Friday, June 23, 2006

 

Flores mortas


Dende que ela morreu ando perdido. As veces buscoa polo cuarto cando me ergo pola mañá...ata que lembro.
Entón o mundo cae todo enteiro sobre as miñas costas. Unha pesada carga que non me abandoa.
Agochei tódalas suas fotografías nunha caixa no faiado, e as paredes quedaron brancas no lugar que ocupaban. Todas as paredes da casa, están cheas de cuadradiños brancos que me miran, coma antes me miraba o seu rostro. Gardeinas todas, menos unha.
Esa gárdoa no caixón da mesa de noite e míroa de vez en cando. Non lle quitei o marco e ocupa todo o espacio do caixón.
Nesa fotografía está máis fermosa que nunca. O cabelo solto e o vento do faro de Fisterra elevando o seu vestido sobre os xeonllos. Parece un ser etéreo sobre o horizonte.
Lula tamén a bota de menos. Agora dorme ó meu carón tódalas noites. Pero eu non lle caio ben, sabe que nunca me gustaron moito os cans. Cando chego a casa está expectante tras a porta, pero en canto ve que son eu marcha a deitarse baixo a mesa da cociña. ¡Sintoo compañeira! Abandonounos os dous, e temos que aturarnos sen a sua presencia que era tan necesaria.
Para todo…era necesaria para todo, as plantas van morrendo pouco a pouco confinadas nas suas macetas. Eu bótolle auga de vez en cando, pero parece que eso non é de abondo. Tamén o xardín esta distinto. Faltanlle tódalas cores.
O teléfono non soa dende fai un mes. A primeira semana despois de que ela marchara, non paraba de soar. Agora quedou mudo. Coma o resto da casa. Cada cuarto máis silencioso que o anterior.
Aínda non recollín todas as habitacións. A de atrás aínda ten os restos da sua roupa. E a máquina de coser. Non sei que facer con ela, esta case nova. Foi o meu agasallo de nadal.
O que máis me doe do mundo é que case non podo lembrala nos seus últimos tempos. Para eso teño a fotografía. En cambio hai unha imaxe de fai dezanove anos que non son capaz de quitar da miña cabeza. Ese día foi a primeira vez que a vin e fíxome o home máis feliz do mundo. Fai dezanove anos cando non medía moito máis que o meu brazo e a enfermeira deixouma no regazo para que me roubara por sempre o corazón.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?