Saturday, April 29, 2006

 

Ela escapaba coa mirada polo local, a todos lados menos a el, que agardaba paciente dándolle pequenos grolos a copa que tiña diante.
Despois de tanto tempo, xa non quedaba nada que dicir. Non había palabras inventadas que expresasen dabondo.
Xa só precisaban silencio.
Comidas silenciosas fronte o televisor.
O saúdo mudo de tódalas mañás.
Os berros silenciosos do sexo rutinario de sábado noite.

Xa só precisaban silencio.

E apretaban forte os beizos para non dicir aquelo que sentían.

Saturday, April 01, 2006

 
Era verán, as rúas rebosaban de cores vistosas e as terrazas formigueaban cada tarde, con obreiras que tomaban refrescos e cafés con xeo. Ti, sentado onda min, tomábasme da man e mentíasme con tenrura dicíndome canto me amabas.
Eu deixábame enganar con alegría e mandabache bicos polo aire, entre os dedos. Ti atrapábalos todos e gardábalos nos petos do pantalón.
Hoxe amenceu en abril, e xa non sabes mentirme tan ben coma antes e eu non me deixo enganar tan alegremente.
Falta aínda moito para o verán e pregúntome se saberás render os bicos todos que gardastes.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?