Monday, November 28, 2005

 
Agardo por ti
aniñada ós pés da cama,
co sombreiro que esquecestes entre os dedos.
A min quédame grande,
tan grande,
como o amor que me dabas.

Thursday, November 24, 2005

 

Ata debaixo das uñas. Tanta era a dor que as partes do corpo que cría inexistentes sufrían con intensidade. Fora, o vento do inverno clamaba forte, filtrandose baixo as portas e por entre as rendixas das fiestras. Enchendo o cuarto de murmullos.
O café facéndose pouco a pouco, na eléctrica, a de aceiro facía xa anos que non se usaba. Xa non sabía igual. As cousas cambian de sabor cos anos, coma o mundo cambia de cores. Se cadra somos nós os que cambiamos, mudamos de pel coma as serpes, sempre arrastrandonos pola vida sen ser capaces de deixar atrás os recordos, eses, levamolos pegados nas solas dos zapatos para sempre. Coma un lastre.
Non podemos deixar durmir os mortos. Canto doe.
¿Qué me dis do cabelo? Como doe o cabelo despeiteado de mañá, apegado entre si por mor da almofada, aínda durmido. Ansioso por caricias que os deixen esvarar entre os dedos, polas mans dun amante que lle de sentido, razón de ser.
Pero o amor de verdade, ese que atopas por casualidade na beira do camiño.Ese, ese non volve. Se o buscas, desaparece de repente, xogando as agachadas. El ven cando quere. Busca un lugar para acomodarse e nutrese do teu corpo, medra. Medra ata inundarnos por completo, anulandonos.
Ai! Pero canta felicidade ten escondida un bico. Que nos percorre a boca e nos formiguea o estómago. Cando o probas non hai droga máis doce e intoxicante.
Estrela sabíao moi ben. O seu corpo xa maduro aínda tremía infantil baixo as lembranzas. Como pasan os anos por nós, sen piedade, sen posibilidade de rebelión. Que nos da, para logo quitarnos, un anaco de vida tan fugaz e feble, que nin tempo temos para saboreala.
Xa van setenta e cinco. E aínda cando o lembraba, podía sentir o sabor da xuventude baixo a lingua. Os cabelos negros, o peito firme, e a humidade instalada no mesmo nucleo do corpo, perpetua e ansiosa. E logo tódalas noites, todas, deixaban que a súor recubrise os seus corpos dun manto salgado e brillante. Xuntos, rozaban as estrelas coas puntas dos dedos, entre os empuxes da lingua.
Foron anos de ledicia. De anaquiños de felicidade compartida. Un longo camiño da man do compañeiro, do amante paciente que lle amosou a cor dos soños ata facelos tanxibles.
Foi en primavera. Debrullaba millo no cabanel de atrás da casa, acompañada pola música da radio. As notas inundaban o aire, quente e soleado, e reflectía tódalas cores do arcoiris. Estaba en paz, como só poden estalo, os que se sinten plenos , satisfeitos. Os que se saben amados e comparten o seu camiñar e a súa carga.
E o mundo rematou naquel intre. Xa nunca máis voltaría a ver o seu corpo espertando o seu carón cada madrugada para buscarse desesperados e danzar xuntos ata o amencer.
Non máis café con bicos para o almorzo. Non máis costume de mans entrelazadas baixo a mesa do xantar.
Diante dela, o camiño era longo e costa arriba e percorreríao soa dende entón.
Ese día de inverno doía tanto que o corpo entumecido non acababa de espertar. Que a vellez é implacable e máis en soidade. Que os que amamos xa marcharon e agardan por nós nalgún lugar do universo. Que o café non se acaba de facer e xa o oe chegar polo camiño da casa. Que escoita o seu nome na boca do seu amor, e soa tan doce.
Estrela non ten medo, leva tanto tempo agardando que lle tremen os beizos de anticipación.
Alá van, collidos da man polo sendeiro descoñecido e a dor vaise esvanecendo tan pouco a pouco.
O vento segue a soprar con forza, parece que hoxe non vai a amainar e o café estase acabando de facer.

Tuesday, November 22, 2005

 

A cada sorbo de café, conta os pasiños da camareira polo bar. Un, dous, tres, catro, dende a cafetera ata o fondo da barra, onde aquel home con barba a mira con luxuria. Esteban observa o espectáculo dende a mesa máis agochada do local.
Un, dous, tres, catro, cinco e a camareira achegase a el, cos peitos rebosando baixo a blusa vermella e un sorriso estúpido no rostro.
Como a odia. Odia todo o que representa. Pero ela co seu cerebro amermado por tantos anos de tinte e vapores de café, ollao con apreciación.
¿Qué miras estúpida? ¿Pensas que como te conformas con esta vida simple de abella obreira teño que tratarche con condescendencia? Seguro que eres das que non acabaron o bacharelato e ían o instituto coa cara pintada e minisaia, pero sen unha soa neurona dedicada a aprender. Seguro que incitabas os rapaces a que che perseguisen atrás do polideportivo, para compartir cigarros e un par de bicos. Que deixabas que con mans torpes e adolescentes che desgarrasen o corpo e che reoubaran a inocencia. Ti finxías que che gustaba, era necesario ser querida por alguén. Que equivocada estabas. Entón con dezaseis, eras vella de máis para aprender nada, estabas cansa demais.
E agora aquí estás, detrás dunha barra cos nocelos hinchados sobre esas zocas sen tacón. Erguéndote cedo pola mañá o lado do único home que che quixo, aínda sabendo que eras mercancía caducada.
E pos as bragas de algodón aclaradas tantas veces en lexivia, debaixo da saia de raso negra. Vas o traballo en autobús, finxindo ser unha executiva que se dirixe a oficina, con esa chaqueta xastre mercada nas rebaixas do ano pasado. ¿A quen pensas que enganas? As horas pasadas de pé, amorataron as túas pernas de pel branca coma a neve. Xa non atraes a ninguén, tan só se fixan en ti os borrachos de cada día do bar, co cerebro inundado de alcohol barato e as neuronas embotadas polo tempo. Unha muller fácil, un polbo rápido sen complicacións antes de voltar a casa a durmila. Que triste me pareces. Dasme noxo. Resultanme nauseabundos eses beizos vermellos e agrietados, eses ollos bordeados en negro que me miran, mortos, sen brillo... con amor.
Un, dous, tres, xa está preto.
Esteban, observa como a súa muller se achega para traerlle outro café, con paso lento e canso. E cun sorriso, mandalle un bico polo aire.


















Thursday, November 17, 2005

 

Bicos



Darío tomábame da man e entretíase en acariciar amodo os meus dedos, dende a base ata a punta, enviando pequenos escalofríos ó longo do meu corpo.
Todo o noso redor era do color do sol, agora comprendo que todo se ve así de fermoso con quince anos, cando pesa máis a curiosidade que os novos sentimentos que comezan a florecer.
Os beizos palpitaban, ansiosos por atoparse por vez primeira e as pernas tremíannos de anticipación. E alí estábamos, na punta do peirao, co verán que pasaba rapidamente para devolvernos cada un ó seu lugar e deixándonos tan só o recordo deses momentos.
Foi un suspiro, apenas un aleteo de bolboreta que nos rebentou na boca como unha burbulla, extendéndose polo corpo todo, inundándonos. Desexamos mergullarnos máis adentro naquela sensación, pero ós quince, pesa máis a vergoña.
Así nos despedimos, unha semana despois e con moitos bicos máis as nosas costas, e prometemos escribirnos e agardar ata o seguinte verán. E cumprímolo durante un par de meses.
Non voltei falar con Darío, nin voltamos a bicarnos, non volvín ter un primeiro bico, nunca máis. Pero non esquezo, por anos que pasen, e xa pasaron uns cuantos.

Monday, November 14, 2005

 
Gardo de bicos de papel
no peto do pantalón.
Cando quero,
desplegoos sobre a mesa da cociña,
e fago birutas de tódalas cores
de tódolos sabores.

Wednesday, November 09, 2005

 

Polo día


Ó saír de traballar, os farois iluminan as beirarruas case desertas. É noite pechada e nestas datas a xente do pobo ríxese por un imaxinario toque de queda.
En canto cae a noite, a xente corre a agocharse nos seus fogares a cear ovos fritidos fronte o televisor e ver as series das cadeas privadas con subvencións do estado.
Aquí a xente só vive polo día, e eu estoume acostumando a esta rutina tan pouco bohemia.
Polas mañás, saímos todos das nosas casas envoltos en grosos abrigos e intercambiamos saudos nas rúas que espertan. Despois compartimos a cafetería para o almorzo, café e churros medio conxelados ante La voz de Galicia e as noticias da tele, apenas falamos, non hai nada que dicir aparte do frio que fixo de noite e que a humidade xa se fai patente polas paredes da casa.
Despois marcho traballar, e tomo café e cigarros (mentras se poida tras o mostrador) ata que marcha o sol. Entón marchamos todos a escondernos nos nosos fogares de novo, escapando da escuridade, o contrario que os vampiros. Non me queda aínda claro que sangue se está derramando.

Saturday, November 05, 2005

 

Fora de lugar

Dende a fiestra observo a rúa aínda medio durmida, perfecta baixo as luces do alumeado público, tintada das cores do amencer inminente que se reflexan sobre o asfalto mollado.
O inverno entra pouco a pouco e vaise acomodando en cada rincón. Entra no cuarto onde durmo e agóchome baixo o nórdico. Polas mañás, pinto figuras cos dedos nos cristais conxelados do coche e solto fume pola boca coma unha chimenea de fábrica industrial.
A verdade é que non me disgustan estes días de frío nos que o sol quenta por riba do abrigo.
Pecho os ollos e deixo que se me conxelen as meixelas dende a fiestra da cociña, e síntome viva. Tan feliz.
E no medio do frío da mañá, co pixama de franela e mirando pola fiestra a rúa conxelada, síntome distinta ó resto do mundo, diferente, fora de lugar, como cenicienta asistindo a un baile gótico.
Sinxelamente non encaixo. Son coma ese xersei de color chillón que non combina con nada e que relegamos a parte máis esquecida do armario.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?