Thursday, October 27, 2005

 

De voltas polo mundo

Un, dous, tres, catro... e o mundo xira sobre min sen darme tempo a respirar. E case me convence, a esta velocidade todo parece máis bonito e incluso máis doado. Se pecho os ollos con forza, imaxino que toco o ceo coas puntas dos dedos en cada volta. Pero non son capaz de atrapalo, non podo saborealo, e escápaseme das mans.
Un, dous, tres, catro...outra volta, e vexo coma o sol se hunde no océano. Eu quérome mergullar con el, nas profundidades, pois xa me estou mareando con este xirar continuo. E vexo caras que non recoñezo que chegan ata min, que non me din os seus nomes e non deixan pegada na miña memoria.
Un, dous, tres, catro...na próxima, prométovos que me baixo.

Monday, October 24, 2005

 
Fasme cóxegas no embigo
mentras recorres a casa toda
en busca de cores.
Xa non hai máis, ven xogar.
Pero ti segues a buscar,
e sacas todos os abrazos do armario
e deixalos tirados na alfombra.
Sempre fas igual,
coma aqueles que nos dou miña nai nalgún nadal,
e que non volvemos a atopar.
Ven, que están todos aqui.
Pero xa estás revirando os caixóns,
o lugar segredo debaixo das bragas,
no que gardo os bicos apaixoados.
Tirasmos nos pés,
e flotan sobre a colcha,
inundando o cuarto do color do sol.
Ves, como si había.

Friday, October 21, 2005

 

De lembranzas

Teño unha caixa de zapatos forrada de papel de nadal. En ela gardo as cousas todas que en algún momento da adolescencia ( xa case esquecida) significaron algo para min.
Aquela entrada do cine que el me mercou cando me quería. Lembro na sala escura os nosos dedos entrelazados e a vergonza de compartir os primeiros bicos con lingua, sorprendentes e decepcionantes a partes iguais. Era verán, e non tardou moito en marchar. A dor da sua pérdida, duroume polo menos ata setembro.
Tamén estaba a cinta de Queen, ca que fixen o amor por vez primeira. No asiento de atrás de aquel coche gris, o meu primeiro amante, con máis gañas que perícia. Transición dolorosa ó mundo dos adultos. Lémbrome do día que marchou dan man dunha loira con menos cebrebro, pero máis experiencia.
Está tamén a foto do día que cumprin quince anos. Meu pai xa marchara da casa, e o seu sitio permanecía baleiro na estampa familiar. A tarta de chocolate coas velas prendidas e o desexo que aínda hoxe non se cumpriu.
A pulsera da amizade que me dou a miña amiga da alma, coa que compartía cigarros e segredos na parte de atrás do polideportivo. Hoxe saudámonos ó pasar, sen case recoñecernos.
E tantas cousas máis que se me fan familiares e lonxanas. Que me lembran, como dí un gran poeta que coñezo, que calquera tempo pasado, non é que fora mellor, pero polo menos xa pasou de longo.

Monday, October 17, 2005

 

Luns de óxido

Cando me ergo pola mañá aínda é noite. Cóstame un mundo saír de debaixo do nórdico e enfrentarme ó día. Primeiro, observo dende a fiestra a rúa onde vivo, e quédome embelesada mirando ós gatos que viven no contenedor de enfronte, están sempre alí, verán e inverno, rebuscando na basura e deitándose na aceira a durmir. Os veciños todos, de vez en cando dámoslles as sobras da comida, e eles, agradecidos, cántannos serenatas cada noite.
Hoxe o amencer, foi aínda máis escuro do normal, e o día non aclara, méteseme nos osos o frío matutino de camiño ó traballo, e oxídaseme o cerebro.
Xa non me lembro do sol do verán, nin das noites de copas, nin das comidas en familia, nin dos anacos de sexo.
Queda ante min toda unha semana de traballo, de días iguais, de rutina pesarosa.
Así, como cada luns, quero que se me oxiden as palpebras, para manter pechados os ollos ata o próximo sábado.

Monday, October 10, 2005

 

Domingo de nostalxia



Onte como era domingo, aproveitei a tarde para ir a visitar a casa onde nacín. Alí, miña avoa, miña nai e miña tía, tomaban café arredor da cociña de ferro, pois o frío xa se empeza a meter nos osos que non son tan novos. Fora, a aldea parece durmida, os cans deitanse debaixo dos cabaneles e os gatos xogan as agachadas cos ratos por entre o millo. Non hai máis de quince casas, non hai un bar, nin un supermercado, pero todos se coñecen entre si, comparten os teléfonos e o tractor, e na tempada de recollida , van de casa en casa para que o traballo sexa máis levadeiro, e comparten café e churruscos na leira.
Cando regresei a miña casa, cambiei as pistas de barro por asfalto, as cuadras de vacas por centro comercial, os galiñeiros por bares e o calor da xente por saúdos impersoais. Entón extrañei con todas as miñas forzas a miña infancia , desexei poder enterrar os pés na terra mollada da horta e correr ós brazos da miña avoa, e bañarme no balde da cociña das vacas... alí teño o meu corazón, na aldea onde me criei, neses momentos non son moderna, non son urbana e cambiaba con gusto o meu traballo tras o mostrador para ir a muxir as vacas.

Wednesday, October 05, 2005

 
Pasa tan amodo este minuto
tan eterno suspendido no tempo,
co seu tictac incansable
lento, agónico
para que me dure a vida enteira
neste intre.

Monday, October 03, 2005

 

As aforas do mundo

¿A qué agardamos? Levantémonos para recibir como se merece esta crise que nos asola. A este mundo desprovisto de ilusións que nos inunda cada día. Que non, que non quero. Que me nego a aceptar esta vida de abella obreira sen máis proposito que o de formar parte da gran colmena. Que se joda a raiña e fagamonos co poder compañeiras. Que o mellor do día é cando despunta a mañá e non quero erguerme e por o disfrace. Que non quero saber como será mañá, nin pasado mañá, nin o mes que ven. Que estou farta de traballar para deixar o soldo no supermercado.
Soño con converterme nunha inconformista e marchar a vivir ás aforas do mundo, alí onde non hai horarios e o día non remata cando cae o sol.
Sen mais marcho traballar, que os soños non me enchen o estómago.

Saturday, October 01, 2005

 
Esta semana pasada fun co meu amigo a pasar unha tarde de cine ( que máis nos valería ter gardado os cartos e ir de copas que nos tería rendido máis), en fin que fomos ó cine e non se nos ocurrío mellor idea que ir ver Mr. and Mrs. Smith, unha superproducción hollywoodiense, sen historia, pero na que se lucen perfectamente os atributos de Angie e Brad e non percisamente nas súas dotes artísticas. Ó sair do cine, comentei co meu compañeiro a nosa mala elección, resaltando que Angie como sempre estaba fermosísima pero nada máis. E o meu amigo, que eu consideraba con mou bo gusto para as mulleres contestame tan tranquilo que non é para tanto. "Eu vexo pola rúa a mulleres moito máis fermosas cada día". Afortunado ti. E eu preguntome, se a unha muller como Angie lle encontran defectos, ¿Qué temos que esperar as simples mortais? Eu como muller normal, rozando os trinta, con nodulos de celulite instalada nos muslos e gastando máis de medio soldo en cosmeticos para que o final me digan que o que conta e a beleza interior. Xa. Que llo digan a esa rubia siliconada, co estómago de cemento e as neuronas de plástico, tras a cal se cos van os ollos pola rúa. As mulleres normais esiximos, non NECESITAMOS, un pouco de consideración. Por que non podemos compararnos ca fabulosa Angie, nin podemos permitirnos unha posta a punto nos boxes de corporación dermoestética, asi que señores non nos tomen por estúpidas, que o que nos falta en altura temolo en coñecemento do medio e máis aínda no coñecento dese mundo tan reducido que é o cerebro masculino ( con perdón). En fin as cousas claras.Nin somos perfectas nin queremos selo, pero que non nos digan que non lles importa cando nin a querida Angie é de abondo para eles. ( E perdoade hoxe por este tema insustancial, pero teño o cerebro embotado, debe ser o outono)

This page is powered by Blogger. Isn't yours?