Tuesday, September 20, 2005

 

E non me resigno

E marchou. Eu intentei retelo, pedinlle de xeonllos que quedara, supliqueille que ficara onda min un pouco máis, que aínda me quedaban unha morea de cousas que vivir o seu carón.
Pero finxiu non escoitarme e vin impotente como me daba as costas e levaba con el todo aquelo que me facía feliz.
Ante min quedaban agora unha sucesión de días grises na súa ausencia.
Por que marchou. E levou con el tódolos amigos, levou as noites cálidas de festa, as copas de madrugada, o cheiro a coco do bronceado.
Marchou.
O verán marchou.
E non me resigno.

Saturday, September 10, 2005

 

Mamá quero ser artista.

¿ Lembrades cando eramos pequenos e xogabamos no patio da escola? Os nenos ás canicas ou o futbol e as nenas á goma ou a "donde están las llaves" ou o que estivera de moda naquel momento. Que felicidade, cando o noso máximo problema era que o profe de "mates" che sacase ó encerado para facer as divisións diante de toda a clase, ou que o gracioso de turno che mortificase utilizándoche como blanco do seu rifle de carcasa bic e artillería de papel e cuspe. Que tranquilidade ser neno, con todos os problemas resoltos e aínda asi coas gañas de medrar metidas nos osos.
Cando sexa grande...quero ser unha gran cantante.
E pódome lembrar xogando coas amigas e facendo playback coas cancións de Marta Sanchez ou Ana Torroja (como xa dixen era nova e inxenua)
E todas dicíamos esperanzadas o que íamos ser, actrices, médicos, profesoras e incluso policías, claro que todo dependía da película que víramos ese día, que sumaba unha máis ó saco das aspiracións para o futuro.
E os anos pasan, non sei como, non me decatei e seguimos agardando a facernos grandes.
Agora, despois de que os soños non se cumpriron, xa non xogo coas amigas máis que ás cartas na hora do café.
E xa non quero ser cantante,nin actriz...pero no fondo aínda que non queiramos recoñecelo todos temos de vez en cando o mesmo pensamento.
Cando sexa grande...

 

Grandes propositos

Agora que vai comezar unha nova estación, pasa unha cousa moi parecida que en fin de ano. Despois dos excesos todos do verán, convencémonos inutilmente de que este inverno imos a moderarnos un pouco.
!ILUSOS! Se aínda por riba de pasar frío, de que nos acortan os días e nos medran as noites, de que a choiva nos inunda o cerebro e que nos quedan moitos meses por diante ata poder ver outro raio de sol, imos ter que deixar que o inverno nos conxele o corazón?. Poñámonos un abrigo de realidade amigos e intentemos disfrutar destas estacións que nos quedan por diante. Se os amigos marcharon ó rematar o verán, brindemos por eles nas noites de inverno agardando a súa volta. Que o frío espabila e a vida é moi curta. Vémonos nas noites de friaxe. Chin chin.

Friday, September 09, 2005

 
Unha burbulla de luz de sol
rebentoume no estómago quentándome o corpo,
e de pronto ti
inundando o meu cerebro
de placeres e licores inventados
( doces e intoxicantes)
que non me deixaron ver
que caía polo borde do mundo
cos mellores bicos de entre todos
sen dar.

Thursday, September 08, 2005

 

O por qué

No meu pobo nótase moito a chegada de setembro ( como en todos claro). Pero no meu pobo nótase máis, as rúas comezan a quedar valeiras, e o toque de queda fai acto de presencia para lembrarnos que xa remataron as cálidas noites de verán e baile, para dar paso a estas longas e aburridas tardes de outono, que nos lembran innecesaria e contundentemente que o inverno xa cheira. E é por ese aburrimento desta epoca da caída que cando o meu amigo que comparte comigo o aburrimento e tardes de traballo me comentou a idea de facer un blog decidinme a intentalo. Non esperedes atopar aquí nada extraordinario, nin grandes pensamentos fundamentais, simplemente o compartir con vós estos anacos como amigos descoñecidos que sodes.
Así que se vos prace seguiremonos aburrindo xuntos ata o toque de queda ( que pouco falta), ou ata que os amigos que veñen de lonxe, sustituan as palabras por copas, momento no que vos abandonarei de inmediato sen cargo de conciencia.

This page is powered by Blogger. Isn't yours?